Encaixe de Camariñas 2.0 Encaixe de Camariñas 2.0

Inicio | Museo virtual do encaixe | Historia do encaixe | Século XX

Compartir:

Século XX

Cifras referentes á exportación

En 1901, Francisco M. Balboa, gran comerciante de encaixes de Muxía, sinala nun artigo que no partido xudicial ó que pertence Camariñas, oito ou dez mil mulleres e nenas se dedicaban a elaboración de encaixes. Aporta cifras referentes á exportación que resultan elocuentes.

Estes datos mostran que o maior volume de ventas se realiza en Cuba, seguida de Arxentina e en menor medida nos outros países sinalados.

Con respecto as ventas en Galicia, calcula que a cifra ascendía a 50.000 pesetas.

Cifras referentes á exportación 1905

No ano 1905 as cifras increméntase nas seguintes cantidades:

Desta información dedúcese que Cuba segue sendo o país máis consumidor de encaixes, posiblemente debido ó alza do prezo de azucre e que do porto de A Coruña sae máis mercancía para Cuba e do porto de Vigo para Arxentina.

Resulta interesante sinalar as alusións que fai García Ramos a cerca do fraude que se produce no comercio americano, xa que segundo indica, vendíanse encaixes de outros lugares como se foran de Camariñas.

Un escritor anónimo afirma nun artigo da Voz de Galicia de 1914, ter casas abertas en Bos Aires, Río de Xaneiro, San Xoán de Porto Rico, Nova York, e enviar mercadorías a Chile, Uruguai, Ecuador, Cuba e México. Di que a produción destes encaixes xeran na comarca medio millón de pesetas anuais. O que nos indica a gran dimensión que alcanzaron as exportacións neste primeiro cuarto de século.

Un dos inconvenientes que, historicamente, veu sufrindo o encaixe de Camariñas, foi a falla de organización, tanto na produción como na distribución, así como a carencia dunha cobertura legal ou xurídica que ampare ó sector.

Desde a idade Media, se sucederon intentos para regular as producións artesáns, a gran cantidade de ordenanzas e pragmáticas reais que se promulgaron, son boa proba diso. Tamén a Ilustración se propuxo establecer unha serie de medidas que favorecesen o desenvolvemento de artesanías e a racionalización da súa produción. Xa comezado o século XX, no ano 1915, se crean en Madrid unha Xunta e un Taller Central de Encaixes, dirixidos pola Condesa de Pardo Bazán e a Marquesa de Figueroa, entre outras, que tiña como obxectivos a creación dun consello técnico, a realización de deseños tipicamente españois, a comercialización do encaixe no estranxeiro e iniciar proxectos de propaganda. Incluso visitaron ó Ministro de Fomento" para pedir subvencións par o establecemento de industrias encaixeiras.

Nembargante, estas medidas pouco influíron no sector encaixeiro de Camariñas, que, debido á forte centralización estatal, practicamente non se beneficiou destas iniciativas.

Nestes anos, a revista madrileña Nuevo Mundo interesouse pola realidade do encaixe galego, e ofreceu unha serie de reportaxes que aportan unha valiosa información. Así se sabe, por exemplo, que o salario medio dunha palilleira en 1914 era de uns seis reais diarios, que os encaixes de Camariñas se fixeron imprescindibles, debido a súa aceptación nos comercios arxentinos, cubanos e mexicanos, fai referencia a que os encaixes galegos son elaborados por mulleres de diferente clase social, a diferenza de outros lugares nos que as mulleres dedicadas a esta labor son, sobre todo, de clase media. Entre outras novas, tamén se fai referencia ás consecuencias que orixinou o estalido da primeira contenda mundial.

A Primeira Guerra Mundial provocou que países produtores e exportadores de encaixe como Alemaña, Francia, Inglaterra, Países Baixos e Bélxica, entre outros, tivesen que abandonar a produción debido ás circunstancias. Desta situación sacaron proveito os encaixes de Camariñas e de outras zonas da Península, que melloran a súa situación nos mercados nacionais, europeos e en América.

Só na provincia da Coruña había en 1921 máis de vinte mil mulleres e nenas dedicadas ó encaixe e un ano antes, vendeuse mercancía por máis de tres millóns de pesetas, recibindo Cuba as dúas terceiras partes do total.

Esta situación de bonanza mantívose ata os anos 1926 e 1927, datas nas que as exportacións a América descenderon a niveis insignificantes. As razóns fundamentais para esta perda de mercado foron o cambio de moeda en varios países de aquel continente, a revalorización da peseta e as crises comerciais que sufriron Arxentina e Cuba durante aqueles anos.

As seguintes décadas, coa Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial, tamén supuxeron unha recesión no encaixe galego polas consecuentes crises económicas, a falta de poder adquisitivo e pola perda dos canles tradicionais de distribución. Aínda así, a produción do encaixe non chegou a paralizarse, xa que se seguía abastecendo ó mercado interior.

Folletos sobre o encaixe

A ditadura do Xeneral Franco fomentou a revalorización das artesanías nacionais e tomaron beneficiosas medidas para a promoción do encaixe de Camariñas e para mellorar a precaria situación económica das palilleiras. Organizáronse exposicións nas que estaba presente o encaixe camariñán e, en 1948, a Sección Feminina creou o Taller de Capacitación Profesional de Xuventudes de Camariñas. Como ben sinala Xosé Luis Blanco Campaña, esta escola supuxo non só que moitas mulleres aprenderan a técnica do encaixe, senón tamén o recoñecemento da importante labor das palilleiras.

Este taller estivo en funcionamento ininterrompidamente ata 1978.

A partir de 1970 prodúcese un rexurdimento da artesanía e un importante incremento da produción. A finais desta década celebráronse no Museo Provincial de Pontevedra dúas exposicións que contribuíron notablemente ó coñecemento e difusión do encaixe entre a poboación allea ó entorno de Camariñas.

O erudito e escritor Xosé Filgueira Valverde, director do museo naquel momento, escribiu ó respecto:

"La Exposición de Encajes de Camariñas constituyó una agradable sorpresa, sin duda es una de las más motivadoras que lleva instalado hasta ahora el Museo. El número y variedad de piezas y el mundo de sus utensilios de trabajo, en sus diferentes fases, hacen comprender nítidamente la parte popular de las palilleiras"

Aviso Galicia Industrial

Desde comezos de 1980 os encaixes estiveron presentes en, practicamente, tódalas exposicións, feiras e mostras de artesanía galega. Ó mesmo tempo que xorden novos talleres e asociacións de artesáns que organizan cursos, exhibicións e promoción do sector encaixeiro de Camariñas. Cabe sinalar ó respecto a importancia da promulgación da Lei de Artesanía de Galicia, en 1992 que supuxo:

  • Establecemento das zonas de interese artesanal.
  • Regula o rexistro de talleres artesáns.
  • Créase un certificado de calidade artesanal.
  • Constitúese a Comisión Galega de Artesanía.
  • A creación do Centro Galego de Artesanía e o Deseño pola Deputación de Lugo

Prezos do encaixe

Na actualidade, o encaixe de bolillos segue sendo unha actividade de gran importancia para a economía local, e é crecente o número de artesás que se dedican a esta labor. Desta maneira tamén se contribúe a manter viva unha tradición secular que enriquece o patrimonio cultural do noso país.

En canto a organización da produción, xa se sinalou que o sector encaixeiro galego careceu tradicionalmente dunha estrutura que favorecese o seu desenvolvemento e, sobre todo, que protexese as artesás. Nun principio era unha actividade doméstica que proporcionaba uns ingresos fundamentais en épocas nas que, debido ó mal tempo, os mariñeiros non podían facerse ó mar e polo tanto, escaseaban os ingresos. As labores realizadas vendíanse nos mercados ou feiras locais.

No momento en que aumenta a demanda e a produción, aparece a figura do chamado "acaparador", ou intermediario, e as artesás perden o control do seu propio traballo someténdose ós encargos e prezos que estes comerciantes lles impoñen.

Libreta para o negocio do encaixe

Nun artigo publicado en La Voz de Galicia, en 1917, pódese ler: "...Tanto más pasmoso es aquel resultado - del cual si la numerosa mayoría de las palilleras se da cuenta, pues quien rige el negocio son los opulentos acaparadores y las diestras "tratantes" o mestres de taller- tanto más cabe ponderalo, cuanto que la industria es imperfecta y carece desde el punto de vista industrial de verdadeira organización..."

Ningunha palilleira se fixo rica co encaixe, pero algún dos intermediarios veu crecer o seu patrimonio.

Os encaixes que en maior cantidade se elaboraron, foron a puntilla e o entredós. Hasta ben entrado o século XX, utilizouse a vara como medida de lonxitude, que en Camariñas equivale a oitenta centímetros.

Podíanse contabilizar ata case un millar de deseños diferentes, os máis utilizados e multitude de variantes.

Co tempo, e, en parte, motivado polo mercado, perdéronse gran cantidade deles, sobre todo, os de factura máis laboriosa e de fío máis fino. Moitos deseños das labores de encaixe tiñan nome propio e ata nós chegaron os que aínda se fan na actualidade: marabilla, ganapán, simona, gitana, fieita, rosario, peineta, eses, flor, corredor de Camelle, picos, ramo, corazón, berberecho, tambores, estrada de Muxía, etc.

Capítulo a parte merece o singular modo de traballar das palilleiras, que non o facían individualmente, se non reunidas nunha casa que era taller, escola e hasta lugar de diversión.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci�n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci�n da Coru�a Galicia Agader