Encaixe de Camariñas 2.0 Encaixe de Camariñas 2.0

Inicio | Museo virtual do encaixe | Historia do encaixe | Século XIX

Compartir:

Século XIX

O fenómeno migratorio constitúe o aspecto máis definitorio da poboación galega a partires, sobre todo, do século XIX. Descoñécese a magnitude da emigración da primeira metade deste século, que non debeu de ser moi significativa debido ó aumento de poboación que se rexistra en Galicia, pero a partir da segunda metade do século prodúcese un imparable éxodo que levará a unha gran cantidade de galegos a Cuba, Arxentina, e México. Serán polo tanto estes, os principais destinos dos encaixes galegos.

A produción tiña que ser abundante polos datos que proporciona José Lucas Labrada na súa Descrición Económica do Reino de Galicia (1804), onde di sobre Camariñas "que en toda la jurisdicción se dedican unas trescientas mujeres a la fábrica de encajes ordinarios de hilo, que benefician dentro y fuera del país". Tamén aporta datos referentes a outras localidades nas que se elabora encaixe.

Pola abundante correspondencia conservada entre o importador de encaixes Manuel Miñones, de Ponte do Porto (Camariñas) e a firma comercial arxentina "Peña e Bernardo" dedúcese que cara finais do século XIX vese incrementada a presenza de encaixes no mercado americano.

Estas cartas aportan, ademais, outros datos que revelan o aillamento en canto a comunicacións que sufría a comarca, a preferencia polas puntillas estreitas e a esixencia de calidade nos produtos enviados. Tamén nos informan da forte competencia que existía, a partir dos primeiros anos do século XX, entre os exportadores galegos e doutros centros encaixeiros, como Almagro ou Cataluña.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader